Busca en Ourense

Búsqueda personalizada

O Belén de Baltar, o Belén de Ourense

Son máis de dous e de tres os beléns que estes días decoran os espazos máis emblemáticos da cidade, como poden ser o do Liceo, o da Catedral ou o do Bispado. Pero hai un que ano tras ano é agardado polos ourensáns porque lles permite asimilar que as festas do Nadal deron comezo. Trátase do tradicional Belén do escultor Arturo Baltar. Este ano a novidade é que quedará aberto xa de xeito permanente na Praza de San Cosme, onde permanece dende o ano 1982, pero aberto só durante o Nadal.

O Belén de Baltar, o Belén de Ourense, abriu nun escenario renovado e agarimado polo resto da obra do escultor dende o edificio anexo á Capela de San Cosme e San Damián. Había xa un ano que se agardaba esta apertura do Centro Expositivo Arturo Baltar, no que, dende onte, poden verse oito retablos costumistas; entre eles, 'A Visitación', 'A adoración dos Reis' ou 'A presentación do neno no templo'. A idea é que o legado artístico do escultor se mostre de xeito aberto e participativo para tódolos ourensáns. Unha vez concluídas as datas festivas, serán incorporadas ó centro novas pezas.

Na inauguración, como representante da institución promotora do Centro Expositivo, estivo a concelleira de Cultura, Isabel Pérez. Xunto a ela, interviron o alcalde, Francisco Rodríguez, e o propio artista, Arturo Baltar. Tampocuo faltou numeroso público nin compañeiros do escultor como Xosé Cid ou Baldomero Moreiras, entre outros.

Xunto á apertura do Belén de Baltar, o Nadal do ano 2010 será lembrado como aquel no que tamén foi inaugurado o Centro Expositivo do escultor. Ámbolos dous permanecerán abertos ó público de xeito permanente.


UN BELÉN CON HISTORIA

Ademais de Baltar, o Belén é tamén de Quessada ou Virxilio, que que colaboraron na decoración do conxunto pintando a paisaxe. Á tradicional composición, realizada toda ela en barro cocido, vincúlanse, ademais outros nomes coñecidos coma os de Blanco Amor e Otero Pedrayo. Do primeiro, Baltar tomou prestadas as 'señoritas' da Esmorga. O outro novelista, don Ramón, aludiu á obra de Baltar no pregón do Nadal de 1967, ano no que o Belén foi inaugurado na Praza Maior. Da man da Asociación de Belenistas de Ourense, era inaugurado con só 13 personaxes, unha casa, un cruceiro, un canastro, un pesebre e unha fonte. Despois foron tantos que Baltar acabou por recrear todo un pobo e toda unha cultura do Ourense rural.

http://www.laregion.es/noticia/138102/belen/baltar/belen/ourense/